Cargando Eventos

« Todos los Eventos

  • Este evento ha pasado.

SENDERISMO: Sisterna, entre Muniellos e a Cordilleira Cantábrica

30 abril, 2015 | 19:00 - 3 mayo, 2015 | 17:00

Fechas: del jueves 30 de abril al domingo 3 de mayo 2015

Organizador:  Argimiro Ríos

No límite sur occidental de Asturias, entre os límites da reserva natural de Muniellos e a recentemente nada cordilleira Cantábrica, atópase a aldea de Sisterna, na que faremos base para a saída deste fin de semana. Ao sur as extensas e sombrías abas do cordal cantábrico son un magnífico escenario de montañas, lagoas e brañas. Ao sur a reserva integral de Muniellos, que limita coa serra do Pico Candanosa agoira un bosque protexido e un patrimonio natural de máximo valor.

A cara norte da cordal será o escenario de dúas das tres actividades. O seu vizoso bosque, as brañas que, esparexidas, adornan as abas e as lagoas de orixe glaciar son fitos que visitaremos. Poderemos acadar a cordal que separa de León e percorrer algún tramo desta, acabada de nacer, cordilleira cantábrica.

A terceira das actividades desenvolverase nas extremas da reserva integral de Muniellos, máis sen entrar nela por mor do obrigatorio cumprimento das leises do parque. Os relitos bosques, o serpeante río Ibias, unha aldea deshabitada e unha mina romana cunha grande fenda no teso da montaña será o pano de fondo no que nos moveremos.

Os desniveis das actividades da cordilleira cantábrica roldarán os 700 -1100 m, tendo en conta que contaremos para facelos cos días moi longos desta época do ano, e será duns 400 m na da contorna de Muniellos.

Para todos os percorridos:

Dificultade técnica: baixa.                     Dificultade física: media.

O aloxamento será no Hotel rural “O Tixileiro” de Sisterna que conta magníficas instalacións e ata un museo etnográfico. Pódese atopar máis información en http://www.tixileiro.com/

O número de prazas convocadas será de 30. O prazo de inscrición comeza o luns 30 de marzo e péchase o venres 24 de abril, unha semana antes da actividade, coas persoas apuntadas con pago feito, por mor de liberar prazas hoteleiras nunha ponte tan significativa como esta.

Sairase o xoves 30 de abril ás 19 h 45 m da praza Casares Quiroga en Elviña da praza, a rentes do parque infantil de Elviña (mesmo lugar das últimas saídas). A volta será cara o fusco do domingo 3 de maio.

Cota:

– Socios federados 135 €.

– Socios non federados : 15 € a maiores polo custe do seguro.

– Federados noutros clubs sen convenio: 27 € a maiores.

– Outros casos: consultar na Secretaría do club.

Os non socios deberán realizar o total do pagamento antes do venres 10 de abril. Os Socios realizarán o primeiro pagamento antes do venres 10 de abril: 20 €.  Resto da cota: ata o luns 20 de abril.

INSCRICIÓN e PAGO:

– Na secretaría do Clube na rua Santa Teresa, 14 (o lado do museo DOMUS) de 20 a 22 h de luns a venres. (Os xoves de 20:30 a 22:30 h)

– Por mail a artabros@artabros.org

– Por teléfono no 981 21 31 15 en horario de 20 a 22 h de luns a venres. Feita a inscrición, o pago resolveráse na Secretaría do clube ou ingresando o importe da actividade na conta ES25-2080-5565-00-3040002362 (ABANCA, titular: SM Ártabros), e enviando o resguardo do ingreso ou transferencia.

A inscrición inclúe a maiores do traslado:

Xoves 30 de abril,        durmida

Venres 1 de maio,        almorzo, cea e durmida

Sábado 2 de maio,       almorzo, cea e durmida

Domingo 3 de maio,     almorzó.

Faremos tres actividades elixíndoas entre as seguintes catro, dependendo do tempo:

1.- LAGOAS DE SISTERNA E CUETO MULAR

Sairemos andando de Sistierna, remontando unha aba para entrar nun fermoso e longo val a xeito de “U”, que abandonaremos para coller altura pola marxe esquerda. A braña de abaixo será a precursora da braña de arriba e esta das fermosas lagoas de Sistierna, tamén chamadas de Tablado, da Braña ou da Moredina. A imaxe das lagoas contra os farallóns do cordal é espectacular, polo contraste entre a serenidade das lagoas e o ríspeto dos cantís da cordilleira. Opcionalmente poderemos subir, por un agochado e serpeante sendeiro, á cordal para observar as “maseiringas”, estraña formación xeolóxica no mesmo canto da aresta, e tamén opcionalmente subir ao Cueto Mular, o vértice máis esgrevio deste cacho de cordilleira.

2.- NAS EXTREMAS DE MUNIELLOS OU NA PROCURA DE FRANCINE

Nos confíns da reserva natural de Muniellos, onde as pegadas e excrementos do oso e do raposo son ben doadas de atopar nos carreiros, onde se pode ouvir o rexoubo do porco teixo ou da xeneta e sentir o voar da garza, onde nos bosques escoitase o silencio que agoira que algún bicho nos está asexando, alí nunhas paraxes nas que a natureza se escrebe con “N” maiúscula, iremos á procura de Francine, unha muller francesa que non atopou ar puro dabondo durante a súa estadía nas serras de Andalucía e que si o atopou nas costentas, vizosas e solitarias abas que arrodean Muniellos, agochándose nun pequeno acubillo onde vivía a comezo desta década. A nada doada vida en soidade, coas humidades dos mil regos que por alí baixan, as poucas raiolas de sol que chegan e o illamento absoluto eran compensadas dabondo por vivir nun paraíso natural con auga e ar impolutos.

Os relitos bosques, o serpeante río Ibias do que percorreremos un bo treito, unha aldea deshabitada que naceu a carón dunha mina romana cunha grande fenda no teso da montaña e unhas paisaxes naturais abraiantes, serán o pano de fondo no que nos moveremos. Termos moito coidado de non pasar os límites da reserva, nin de incomodar a fauna que alí vive.

3.- O BERCE DA CORDILLEIRA CANTABRICA

A cordilleira Cantábrica, que tantas ledicias e días de montaña nos ofreceu a todos aqueles que fomos ou somos montañeiros, nace xusto onde morre a serra de Ancares, alí onde esta se xunta con outras catro serras, as de Mingatón, Corredoira, Cienfuegos, e Bruteira. A confluencia é a modo de xigantesca estrela de mar. Como non, hai que visitar o seu berce, e percorrer tres ou catro dos seus primeiros quilómetros. E aí vai esta actividade.

Desde a campa de Tormaleo subiremos ata o porto de Cienfuegos usando as pistas feitas nos anos 60 de século pasado para o teleférico mineiro, un dos grandes retos desa época, e que hoxe está esquecida da memoria colectiva, agás da dos maiores. Xa na cordal, seguiremos por carreiros ata o alto da Pesca; veremos o impoñente primeiro quilómetro da cordilleira cantábrica, que transcorre por unha doada aresta co pano de fondo do Pico Miravalles. A pequecha lagoa de Chagüezos será o fito final. Para baixar elixiremos entre o cavorco do rego de Luiña, o antigo porto de Cienfuegos (o camiño de antes dos anos 60), ou a de volver por onde subimos.

4.- ENTRE CUNQUEIROS E VAQUEIROS

Os cunqueiros, tamén chamados tixileiros, son os artesáns de Tablado, Sisterna e Luiña que facían pratos, fontes e cuncas tallando o cerne dos troncos das mellores madeiras. Os seus traballos atopábanse, ata hai menos dun século, nas cociñas das mellores casas da península, competindo so coas de barro cocido.

Os vaqueiros son os habitantes do Val de Fornela, ao outro lado da cordilleira, xa en León. O nome venlle das vacas, o seu principal sustento, máis foron coñecidos por ser moitos arrieiros e pola xerga que usaban o burón.

O camiño é o que unía ambos vales cruza o cordal polo porto do traxecto a 1460 m de altitude. Comeza en Rebollar, abeira o rego Longueirón indo por belidas paraxes cheas de matices, rematando en Peranzanes, capital do val de Fornela.  Dende a golada poderíase subir opcionalmente ao pico da Ubia do Portichín. Faremos esta ruta so en caso de mal tempo ao ter un percorrido máis resgardado.

Descarga o Tríptico Aquí

Detalles

Comienza:
30 abril, 2015 | 19:00
Finaliza:
3 mayo, 2015 | 17:00
Categorías del Evento:
,