Historia del club

A Sociedade de Montaña ARTABROS fundóuse no ano 1.974, como consecuencia da iniciativa dun grupo de amigos que pertencían ó clube ‘Rey Gerión’, decano dos clubes de montaña coruñeses. As dificultades pola situación xeográfica da nosa cidade para a práctica do montañismo, quedaron compensadas por un entusiasmo notable. Pero non só a lexanía dos macizos montañosos e as malas comunicacións con eles foron o obstáculo: falta de local social, falta de ingresos, falta de material…..

A pesar de todo, a nosa inquietude xuvenil sumada á experiencia que tímidamente nos acompañaba, fai que pouco a pouco exploremos os diferentes macizos montañosos galegos e asturianos: Ancares, Peña Ubiña, Picos de Europa, os que cas súas xentes e o encanto das suas montañas xa formaban parte nosa. Naquela época non podíamos sospeitar co mítico Naranjo de Bulnes, que elevase coma un poderoso bastión e que fai afogarse na humildade ó máis orgulloso, ‘caese’ ante os montañeiros coruñeses que no ano 1.982 o escalaron polas súas vías más difíciles. O milagro estaba a producirse dende unha cidade que, por toda montaña para a práctica da escalada tiña o Petón do Xalo e…. ¡o dique Barrie da Maza! Sinxelamente incrible.

En tanto que uns se orientaban ó alto, outros non dubidaron pola afición oposta, ainda que non contraria. A soidade e o inmenso misterio das cavernas cas suas formacións milenarias, as profundas simas, os complicadísimos laberintos que se orientan en todas direccións, suscitaban a curiosidade dos que, máis tarde, convertiríanse en espeleólogos. As covas do Rei Cintolo ofrecéronnos o primeiro misterio de este deporte-ciencia.

Co tempo fúmonos adentrando noutros macizos montañosos e coronando os seus cumios: Pirineos, o macizo do Mont Blanc, os altos cumios do Atlas Marroquí, o Aconcagua, as montañas de Kenya e o Caucaso e un longo etcétera figuran xa na lista de montañas ascendidas polos menbros do noso clube.

Dende os nosos inicios sempre nos precupoú todo aquelo que fose difusión, e por ende realizamos moito traballo e sacrificios dedicados a fomenta-la participación nas nosas actividades dos máis novos; fruto delo, e ca colaboración do Concello da Coruña, xurde a campaña Coñece e Camiña, na que Artabros puxo, e ainda hoxe en día con máis de 15 anos de rodaxe seguimos poñendo toda a nosa ilusión e esforzo.

Fruto do noso traballo ó longo do tempo temos que destacar tamén o deseño e trazado dos primeros sendeiros de Gran Percorrido na nosa comunidade, que gracias ó apoio e axuda da Deputación Provincial da Coruña fixemos realidade na década dos 90.

E van nacendo novas seccións: Carreiras de Orientación, Tiro con Arco… que hoxe en día son unha das pezas vitais no puzzle de actividades que dende Artabros fomentamos. ¿E que máis contar que xa non dixéramos? Pois abofé que quedan moitas cousas no tinteiro, pero sen dúbida o máis importante é que Artabros é un clube vivo e dinámico, no que ten cabida todo tipo de xente co vinculo común do amor pola Natureza e polas actividades que nela se poden desenrolar.