COÑECE E CAMIÑA Ribeira Sacra

De San Pedro de Rocas a Santo Estevo de Ribas de Sil

O camiño que imos facer hoxe ten dúas partes moi diferenciadas xa que, parte da ruta descorre entre carballeiras, por vereas que aínda conservan os seus muros laterais e oempedrado onde se poden ver as rodeiras dos carros que a transitaban. Outra parte vai polo alto do monte o que nos permite ter unhas espectaculares vistas, tanto do val de Maceda, Serra de San Mamede, Serra de Meda coma da zona de Monforte e ata da cidadede Ourense. Os pobos polos que pasaremos ao longo do noso percorrido destacan pola súa arquitectura tradicional. Pero sobretodo temos que destacar a visita a dous mosteiros:  San Pedro de Rocas e  Santo Estevo de Ribas de Sil, que xunto co Mosteiro de Santa Cristina son os mais representativos da Ribeira Sacra.
San Pedro de Rocas:
Ocupa un lugar privilexiado na constelación de mosteiros ourensáns. A súa orixe remóntase ao ano 573.O edificio prerrománico do mosteiro é sorprendente, tanto pola beleza do seu emprazamento e integración na Natureza, coma pola súa orixinalidade construtiva. O home do S. XIII soubo beneficiarse das formas naturais esculpidas pola erosión, sen destruílas; rocha e arquitectura dan forma a tres capelas co chan furado por numerosos enterramentos antropomórficos. A espadana do campanario érguese directamente enriba dun gran rochedo.
Santo Estevo de Ribas de Sil:
Este mosteiro hoxe reconvertido en Parador de Turismo cuxa orixe parece remitirse aos séculos VI e VII, e cunha construción na que se alternan diferentes estilos que van dende o románico ao barroco. No seu interior conserva un dos poucos claustros románicos de toda Galicia, chamado “dos Obispos”.

Percorrido: Esgos-San Pedro de Rocas- Virxe do Monte-Santo Estevo de Ribas de Sil
A nosa andaina comeza  no pobo de Esgos xusto a carón da estatua do afiador, e alí mesmo tomaremos o café. Polo chamado Camiño Real, iremos cara o Mosteiro de San Pedro de Rocas; neste tramo atoparemos o peto das ánimas de Meiroá. Faremos unha parada no mosteiro para visitar o seu contorno e o centro de interpretación. Dende aquí por un fermoso camiño, dirixirémonos cara o pobo de Arcos, onde deixaremos o Camiño Real para continuar polo chamado Camiño Natural. Unha vez cruzado o pobo de Arcos imos cara a ermida da Virxe do Monte (punto máis alto do noso percorrido); posiblemente xantaremos no seu contorno. Continuamos agora polo alto do monte e neste treito, acompañarannos o que ultimamente parecen os nosos compañeiros inseparables, os eólicos do chamado Parque eólico do Sil.
De seguido chegaremos ao pobo de Cortecadela  e posteriormente a Pombar. Dende aquí iremos a antiga fortaleza de Penedos do Castro, dende onde disfrutaremos dunhas fermosas vistas do val do Sil e do Mosteiro de San Estevo. Baixando entre carballos e castiñeiros chegaremos ao Mosteiro de Santo Estevo. Fin do noso percorridoNivel de dificultade media, técnica baixa. Distancia aprox. 20 km
Saída ás 8,00, do Estadio de Riazor
O camiño vai por moitas encrucilladas así que non adiantedes aos  monitores.
O que hai que levar: xantar, botas, roupa según a predición metereolóxica, pode facer moito frío o moita calor.
Mapas utilizados:  226-II Esgos, 188-III Nogueira de Ramuín e 188-IV Parada do Sil

Un pensamiento en “COÑECE E CAMIÑA Ribeira Sacra

  1. Boas . Como vicepresidente da asociacion veciñal do Saviñao presento a Ruta de Sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño , recentemente adecentada e a espera da homologación ( PR-G 162 ) . Notifico por si interesara añadir esta actividade a amplia oferta de ocio da ribeira Sacra . A ruta é lineal , de 36 km. , pensada para facer en 2 ou en 4 etapas . Discorre acompanando o descenso do río Miño polos concellos de O Saviñao e Pantón e avista enfronte os de Chantada e Carballedo . É espectacular en paisaxe e natureza , en patrimonio ( castros , románico , camiño romano …) , e en ocio e gastronomía . En caso de precisar máis datos , contactar coa asociación que a diseñou e a limpou ( asociacionvecinaldosavinao@gmail.com ). Non se pode enviar por correo debido o gran peso das fotos e mapas da ruta . Saúdos .
    P.D. : está perfectamente sinalizada

Deja un comentario